En Galinus, agora Taller de Novos Medios, estamos de mudanza. Acabamos de mudarnos de sede, cambiamos e reforzamos o noso equipo de traballo, e estamos revisando e reformando os nosos servizos.
Levamos desde o 2002 traballando nas tecnoloxías da comunicación. Desde ese momento confirmamos o que pensabamos sobre a rede de redes, que é un dos mellores inventos da humanidade en prol da democratización real das oportunidades, xa que aproveitando esta magnífica plataforma axeitadamente pódense conseguir grandes metas cuns custos moi axustados, e un alcance enorme.
Facendo da necesidade virtude
Nestes anos tamén vimos como foron incorporándose novas ferramentas a esta revolución da comunicación. Cando comezamos non existían nin Facebook, nin Twitter, nin sequera eso que chaman web 2.0. E agora non se pode entender a comunicación e o marketing sen eses termos. A comunicación, que é ao que nos adicamos, segue tendo as mesmas claves que sempre, a necesidade de contar algo de xeito que o reciban e o entendan os interlocutores que nos interesan, pero as ferramentas para facelo cambian rapidamente.
Por tanto era necesario mudar a web para mostrar a nosa evolución en enfoque e servizos, pero o día o día nunca deixa tempo para traballar en nós mesmos (xa sabedes, en casa do ferreiro…) ata que atopas unha boa razón para facelo.
A chispa xurdiu cando discutíamos a mellor maneira de explicar aos potenciais clientes o noso método de traballo e a importancia que ten entender a esencia dunha empresa, institución ou proxecto para poder plasmalo na súa web. E non atopamos mellor maneira de facelo que utilizar a reforma da nosa web para facer visible o noso proceso produtivo.
Pasiño a pasiño
A web de Galinus que vedes agora mesmo non é máis que o primeiro paso dun proceso que rematará coa nosa web «definitiva». A nosa intención é ir mostrando en cada unha desas etapas o proceso creativo. Partiremos de facer un exercicio de autoanálise, unha consultoría para nós mesmos que nos permita avaliar onde estamos, e a partir de aí plasmar as virtudes do verdadeiro deseño, o que soluciona os problemas atopados e axuda a aproveitar as oportunidades latentes.
A fase actual (ou paso 0) só serve para mostrar a nosa información básica: traballos máis relevantes, os nosos servizos (aínda en proceso de redefinición), o noso equipo humano e os datos de contacto.
Intelixencia colectiva
Como é sabido, en todas as mudanzas aos amigos sempre lles toca arrimar o ombreiro. Neste caso non se trata de cargar mobles nin caixas, tranquilos. Nós imos pedirvos que nos acompañedes neste proceso de cambio dun xeito particular. A idea é facer da nosa mudanza unha vivencia compartida, así que vos convidamos a que acheguedes as vosas impresións e ideas sobre o que vos vaiamos mostrando. Podedes facelo a través da conta de Galinus no twitter, do noso grupo de facebook e deste mesmo blog.
As emocións deben ocupar de novo o seu lugar na sociedade, e a tecnoloxía debe favorecer ese proceso. Compartir esta mudanza sen segredos, con dúbidas, erros, cambios… forma parte dese exercicio. A perfección só existe mentres a persegues. Imos aló.















Pois felicitovos, a mudanza está sendo do mais divertida, ao menos dende fora!
Graciñas Catuxa !!! Aledámonos de que te divirtas. Nós, a pesar de levar bastante traballiño, tamén disfrutamos creándoo.
Manterémosche informada das diferentes fases da mudanza.
Un bico.
Desde Arousa, recibide unha aperta e o recoñecemento por ese traballo tan divertido e creativo. Feliz mudanza meus …
Graciñas Pedro. Espero que aos teus compañeiros tamén lle gustara a nosa nova web. Xa sabes que calquera suxerencia ou comentario será benvido.
Unha aperta.
Gústame que estedes activos e que, como dicimos por aquí, «non vos coma a morriña». Seguide innovando, que sodes unha refrencia, e ademaís asentados no Fin do Mundo..!
Graciñas Rosa. Xa ves que non estamos amuermados, nin nos come a morriña
.
E orgullosos que estamos de estar na fin do mundo. Ou é no principio ?
Pois noraboa, a verdade e que vai sorpresa, sempre adiantándovos no proceso creativo, mecachis, por moito que tento correr, sempre chejades antes as mesmas conclusións! un saudiño e noraboa e a sejier fedellando!
Ola Palmira. Agradecemos moito os teus agradecementos. E pensa que é moito máis importante chegar que facelo antes !!
Sejiremos fedellando
.