Archive for the 'Documentos de interés' Category

Como contratar unha web de calidade

Sunday, November 11th, 2007

Esta guía está baseada na charla ofrecida por Daniel Cerqueiro, xerente de Galinus, nas II Xornadas de Turismo e Tecnoloxías da Información.

Podes utilizar esta lista como unha referencia para ir comprobando aspectos importantes para ter en conta á hora de contratar unha web. É libre para a utilizar, redistribuir e modificar segundo os límites da licenza Creative Commons “Recoñecemento-Compartir Igual 2.5″.

1 Sabemos cal é o noso público? temos estudos de mercado?

Nós podemos coñecer perfectamente cal é o publico ao que nos queremos dirixir, pero iso non implica que a empresa concesionaria si.

Escolma toda a información ao respecto que teñas e organízaa para a presentaren á empresa. Se non hai tal información é un bo momento para comenzar a traballar nela, pero sempre traballando con axilidade; lembra: algo sempre é mellor que nada.

2 Cal é o noso obxetivo?

Alén de “ter a nosa propia web”, pensa en obxetivos concretos, como potenciar as reservas de habitacións pola rede, reforzar a campaña de marketing de radio, prensa e televisión, mellorar a atención ao público cunha web de axude e resolver os problemas mais comúns, etc.

Ao mesmo que pasa co ponto 1.1, canto mais claro deixemos á empresa o que queremos, mais garantias haberá de que resolvan o problema.

Organiza unha xuntanza na tua empresa ou institución para plantexar os obxectivos concretos que pretendedes acadar.

3 A empresa está disposta a un desenvolvemento iterativo?

Neste ponto queremos asegurar que haberá unha comunicación fluida durante o desenvolvemente. A empresa débenos proporcionar mostras concretas do traballo durante o proceso coas que poder discutir, amendar e mellorar a web final.

Inventorio de contidos e funcións, mapa do sitio, deseños visuais e prototipos web son algúns dos documentos desexables aos que ter acceso.

4 A empresa entende e comprométese a ter en conta a optimización para buscadores?

Asegurate de que a web vai ter URLs e código XHMTL optimizado para buscadores e que non se van utilizar tecnoloxías como Flash mais que para o estrictamente necesario. Esixe documentación nas accións que se van tomar neste sentido.

5 A empresa vai dar de alta a nosa web en directorios?

Relacionado co ponto anterior, este servizo é importante para atraer tráfico á nosa web. Se a empresa o ofrece, solicita un listado dos directorios xenericos nos que pensa dar de alta e, o que é ainda mais importante, dos directorios sectoriais de turismo. Este listado de directorios sectoriais será para nos, ademáis, unha proba do traballo no estudo do mercado e da competencia que teña feito a empresa.

6 Ofrécense servizos de marketing online?

Ademáis da web a empresa pode organizar campañas de publicidade online para atraer tráfico. Neste caso cada posibilidade debería vir especificada con como se mediría a eficacia destas accións (calcular o gasto publicitario por cada venda feita, por exemplo).

6 Se a web vai conter información actualizada, poderemos nos mesmos actualizala?

É dicir, cómpre ter claro se a web vai ter un xestor de contidos cos que cun navegador, un nome de usuario e unha clave poderemos modificar e engadir información á web.

Se é así, averigua se o xestor de contidos vai poder ser utilizado por varias persoa e se vai ser sinxelo de utilizar (os cursos de formación longos e a asistencia técnica poden disparar o orzamento).

7 A empresa ofrece formación e documentación?

Se imos utilizar un xestor de contidos debemos adicar parte dos recursos a formar á xente que o vai utilizar.

Tamén debemos saber se van ofrecernos documentación de axuda e en que formato (unha axuda online de acceso restringido, por exemplo).

8 Nos cursos de formación inclúese ademais a creación de contidos para a web?

A web resultante gañara en calidade se os que xestionan os seus contidos saben como escribir cun estilo axeitado para a web, engadindo ligazóns, fotografias, vídeos, etc. Moitas webs, pese a terem xestor de contidos, estragánse ao utilizar directamente documentos pensados para medios impresos.

9 Unha vez posta en marcha a web, poderemos acceder ás estatísticas de uso?

A empresa debería ofrecer un listado de relatorios aos que poderemos ter acceso. Tipicamente son:

  • Visitantes únicos.
  • Visitas totales.
  • Páxinas vistas.
  • Tempo medio na web.
  • Desde que outras páxinas chegan as nosas visitas.
  • Con que palabras chegan os usuarios desde os buscadores.
  • Se temos campañas online poderemos saber canta xente chega a través destas campañas. É posible, incluso, coordinar os métodos tradicionais de marketing coas estatísticas web.

    10 A empresa ofrecenos un relatorio de uso tras un tempo en funcionamento da web?

    Aínda que as cifras e relatorios básicos adoitan ser sinxelos para calquera persoa, hai datos que son mais difíciles de manexar. Un relatorio de uso pasado un tempo pode fazer aforrarnos moito tempo e darnos unha excelente perspectiva do funcionamento da web.

    Desconfía, polo xeral, dos relatorios demasiado entusiastas: a web vai ter pontos conflictivos que só han verse co uso e que é preciso identificar.

    11 A web vai cumprir a Lei de Protección de Datos?

    Se utilizamos a web para recoller datos de carácter persoal, debemos asegurarnos de que cumplimos a lei. Encárgase a empresa disto?

    Referencia na wikipedia da Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal.

    12 Vanse utilizar estándares web?

    Esixe que a web sexa criada con XHTML e CSS. Abarata custes de desenvolvemento e mantemento e funcionarán correctamente nun maior número de ordenadores.

    Ademáis unha web para ser visualmente atractiva non ten que recurrir a tecnoloxías non estándar.

    13 Vanse utilizar solucións de software libre?

    No caso de ofreceren solucións de pago, a empresa debe xustificar ese investimento, xa que son poucas as ocasións onde non haxa unha solución en software libre igual de fiable e potente que unha de pago.

    14 Temos que aloxar a web nun servidor propio ou nos solucina a empresa este aspecto?

    Se estamos forzados a utilizar un servidor propio será preciso que lle facilitemos unha descripción á empresa así como políticas de uso que marque o departamento de sistemas.

    15 A web vai ofrecer servizos que inciten aos usuarios a compartir os contidos?

    Un bo xeito de potenciar a nosa presencia en internet é facilitar a redistribución de contidos da nosa web, utilizando servizos como Chuza, Meneame ou doMelhor, utilizar ficheiros RSS, servizos de favoritos como del.icio.us, etc.

    16 Terá en conta a empresa a usabilidade da web?

    Unha web fácil de utilizar para os usuarios influirá na percepción que teñan dos nosos productos e servizos.

    E, como contrariamente tende a venderse, a usabilidade non é incompatible con deseños visuais espectaculares.

    17 Cal é o grao de accesibilidade que vai cumplir a web?

    Non esquezamos que se somos unha web dunha institución pública, debemos cumprir co nivel AA de accesibilidade segundo dicta a Lei de Servizos da Sociedade da Información e do Comercio Electrónico.

    Na TAW poderás comprobar os errors de accesibilidade da tua web:

    E aínda que non sexamos unha institución pública, unha web accesible ampliará o noso mercado, terá mais relevancia para os buscadores, tenderá a ser mais usable e cumprirá co dereito cidadá de acceso universal á información online.

Comunicación Corporativa y Relaciones Públicas On-Line

Monday, July 2nd, 2007

Guía rápida de usabilidade para o comercio electrónico

Sunday, November 19th, 2006