Abril 9, 2006

Semana Santa na Costa da Morte

Arquivado sob: Festas e tempo de lecer and Muxía and Vimianzo and Camariñas and Fisterra at 7:45 pm Comments Off
Secaderos de Congro de Muxía
Secadoiros de Congro de Muxía

A Semana Santa é unha das épocas nas que máis xente se achega á Costa da Morte. Esta é unha pequena escolma dos atractivos que ofrece estos días a nosa bisbarra:

Fisterra: Semana Santa - Festas do Santo Cristo

A Semana Santa vívese con fervor en Fisterra e as Festas do Santo Cristo están declaradas de Interese Nacional. Aínda que as festas comenzan xa o Venres das Dolores (anterior ó Venres Santo), os actos principais concéntranse dende o Xoves Santo ata o Domingo de Resurreción:

  • Xoves Santo: A Romería do Santo Cristo comenza o Xoves Santo coa escenificación da Última Cea no presbiterio da Igrexa. Os mariñeiros encarnan aos apóstoles nunha representación que remata cun lavatorio de pés e a celebración da Eucaristía.
  • Venres Santo: As rúas da vila son recorridas pola procesión do Encontro, na que Xesús coa Cruz camiña hacia o Calvario. Nese Vía Crucis toman parte as imaxes de Xesús o Nazareno, A Virxen das Dolores, San Xoán, a Verónica e Simón o Cireneo. Pola tarde levántase na igrexa parroquial de Santa María das Areas o Cristo Crucificado.
    Esa misma noite, despois da liturxia, sae da igrexa a procesión do Santo Enterro, que remata despois de medianoite logo de depositar o corpo de Xesús nunha cova cerca da igrexa.
  • Domingo de Resurrección: Este día escenifícase o acto máis concorrido da Semana Santa. Coa participación de moitos fisterráns escenifícase un auto sacramental que narra en verso a Resurreción de Cristo. Este acto remata co baile da Danza dos Paos, antigo baile orixinario do século XVII.


  • Camariñas: XVI Mostra do Encaixe

    Desde o Mércores 12 de Abril ata o Domingo 16 celébrase un dos eventos máis destacados de toda a bisbarra, a XVI Mostra do Encaixe de Camariñas. Nestos 5 días faranse un gran número de actos relacionados co encaixe e a moda. Aquí tedes a programación detallada da XVI Mostra do Encaixe de Camariñas.

    E aquí vos deixo outra ligazón para coñecer máis sobre o encaixe de Camariñas.



    Muxía: X Festa do Congro

    O Venres Santo (14 de Abril), celébrase en Muxía a X Edición da Festa do Congro. Esta vila está moi relacionada con ese peixe, é un dos poucos sitios onde todavía se poden ver os secaderos de congro.

    Por un módico prezo de 3 euros os asistentes poderán mercar unha cunca de viño e con elo terán dereito a probar o congro realizado de diferentes maneiras: en empanada, caldeirada e á prancha. Asemesmo, moitos dos establecementos hosteleiros de Muxía uniranse a festa preparando de diferentes maneiras o congro.

    Esta cita está organizada pola Asociación Punta da Buítra, que polo que imos coñecendo da bisbarra, é unha das entidades que máis fan pola cultura tradicional destas terras.



    Cabana: Visitas a monumentos megalíticos

    O Concello de Cabana contén algún dos monumentos megalíticos máis importantes da Costa da Morte, unha zona de por si moi rica en este tipo de patrimonio. Nesta Semana Santa organízanse visitas organizadas aos monumentos máis senlleiros:

  • Visitas ao Dolmen de Dombate: Aínda que todavía non se rematou coa restauración (unha vergoña da que habería que falar algún día), esta Semana Santa pódese visitar o dólmen máis importante do noso país. Os horarios de visita son de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00.
  • Visitas ao Castro de Borneiro: O mesmo Concello de Cabana organiza do día 13 ao 16 visitas organizadas a un dos poblamentos castrexos mellor conservados de Galicia, o Castro de Borneiro ou Castro A Cidá. Podedes buscar máis información sobre estas visitas na web oficial do Concello de Cabana.


  • Vimianzo: Mostra de Artesanía en Vivo

    Desde o día 8 de Abril ata o Domingo 16 podese asistir no Castelo de Vimianzo a Mostra de Artesanía en Vivo. Un canteiro do propio Vimianzo, palilleiras de Camariñas, Muxía e Vimianzo, cesteiros e oleiros de Buño, sombreiros de Mazaricos, liño de Zas, coiro de Vimianzo, maquetas de barcos de Camariñas e azabache e plata de Santiago integran a exposición, que estará aberta ata o día 16 de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.


    Esto son só algunhas das cousas que se poden facer na Costa da Morte durante esta Semana Santa. Ademais de todo elo, están os atractivos habituais destas terras, o seu patrimonio cultural, etnográfico e, sobretodo, natural.

    Abril 5, 2006

    Trofeo Conde de Fenosa na ría de Corcubión

    Arquivado sob: Ilusión and Corcubión and Deportes na bisbarra and Cee at 3:21 pm Comments Off

    Ría de Corcubión e Cee

    Os días 22 e 23 de Abril celebrarase nas augas na ría de Corcubión e Cee o Trofeo Conde de Fenosa de Bateis.

    Este trofeo é a proba máis importante a nivel autonómico e leva celebradas 21 edicións. Esta é a primeira vez que se celebra en augas da Costa da Morte, grazas ao esforzo organizativo do Clube de Remo Furacán de Corcubión.

    Seguro que está non será a última vez que unha regata deste tipo vaise celebrar na ría de Corcubión, xa que esta enseada é un campo de regatas natural perfecto, ademais de belísimo. Se o tempo non o impide, o espectáculo promete ser grandioso.

    Así conta esta nova a prensa galega.

    Março 30, 2006

    Asemblea xeral de Neria

    Arquivado sob: Actos institucionais and Neria at 1:07 am (3 comments)

    Logo de Neria

    O pasado xoves día 22 de Marzo celebrouse a Asamblea Xeral da asociación Neria. Tamén estaba convocada unha Asamblea Extraordinaria que non se chegou a realizar por falta de quórum.

    Neria é unha institución supramunicipal na que están representados concellos, institucións, persoas xurídicas e persoas físicas de 12 concellos: Cabana, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.

    Aínda que non abarca todos os concellos que tradicionalmente se engloban no que se chama a Costa da Morte, é a entidade máis representativa desta bisbarra.

    Realmente non hai ningunha entidade que represente a toda a Costa da Morte. Nin sequera hai unha comarca que a abrangue completamente. A comarca de Fisterra abrangue os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Muxía e Dumbría; e a de Terra de Soneira abrangue Camariñas, Zas e Vimianzo. Ademais, hai concellos da Costa da Morte nas comarcas de Muros (con Carnota e Muros) e na do Xallas, na que están Santa Comba e Mazaricos. Por elo, a importancia que ten Neria como primeiro paso para unha xestión conxunta do territorio da Costa da Morte.

    Na Asemblea Xeral do outro día aprobáronse as contas do ano pasado e se aprobou o orzamento desta. Tamén se aprobou unha viaxe a Madrid do presidente de Neria e os alcaldes de Cee e Corcubión para falar cos responsables de facenda sobre a posible pérdida de funcións da oficina de facenda en Cee.

    A asemblea terminou cun pequeno turno de rogos e preguntas onde se falou do lamentable estado da estrada AC-552 e o alarmante abandono de gran parte do patrimonio histórico da zona. A dirección falou das medidas que se adaptaron sobre os dous temas, sen profundizar demasiado na cuestión.

    Máis interesante semellaba a asemblea extraordinaria, xa que se pretendía cambiar nela os estatutos para, segundo explicou a dirección, permitir que máis concellos se asocien a Neria e así a entidade represente a toda a Costa da Morte. Pero a falta de asistentes impedíu a súa celebración, polo que haberá que esperar unha nova ocasión para tratar este tema tan importante para o futuro da nosa bisbarra.

    Março 19, 2006

    O Novo Estatuto para Galiza

    Arquivado sob: Ilusión and Corcubión and Actos institucionais at 5:42 pm Comments Off

    Presentación da proposta de Estatuto para Galiza do BNG

    Onte na Casa da Cultura de Corcubión presentouse a proposta de Estatuto para Galiza do Bloque Nacionalista Galego. Para elo, estiveron xunto o ex-alcalde e representante do BNG en Corcubión Rafael Mouzo, Lois Blanco e Carlos Aymerich, ademais de outro membro do bloque que non puiden recoñecer (ignorante de min).

    O acto encheu unha das salas da Casa da Cultura de Corcubión, o que parece demostrar o interese que unha iniciativa deste tipo ten na ciudadanía. Ademais, o público tivo unha asistencia activa, participando no debate posterior as verbas dos diferentes membros do bng. Nesa quenda de preguntas tratáronse varios temas de interese para a bisbarra, como a situación do suministro eléctrico ou a organización territorial que propón o estatuto.

    Antes de que o ruido mediático nos roube á sociedade a capacidade de debate sobre o noso estatuto, é moi importante que os grupos políticos tomen nota sobre os temas que nos interesan os cidadáns e enfoquen o debate en función del. Por tanto, como fai neste tipo de actos o BNG, pedimos que os outros partidos mostren cales son as súas ideas e prioridades para o novo estatuto, e escoiten o que o povo quere dicir.

    Ese é o tipo de diálogo que fai que funcione unha democracia participativa como a nosa.

    Março 6, 2006

    Festa do Bolo do Pote

    Arquivado sob: Ilusión and Festas e tempo de lecer and Mazaricos and Gastronomía at 7:06 pm Comments Off

    VII edición da Festa do bolo do Pote

    Cociñeiras de Mazaricos traballando

    O domingo foi un día moi agradable en Mazaricos. A celebración da VIII edición da Festa do Bolo do Pote encheu a Picota e o resto do concello de xente desexando probar esa comida tan tradicional.

    Non sei como foron as anteriores edicións, pero semella que este certame xa está ben consolidado. Dende aquí mandamos unha felicitación a quen se lle ocorreu esta festa que pon en valor outra costume tradicional.

    O Bolo do Pote, para os que non o coñezan, é un bolo feito con fariña de millo mesturada con fariña de centeo para darlle máis consistencia. Tamén se lle pode botar algo de touciño ou chourizo para darlle máis sabor. Unha vez compactada a masa, introdúcese o bolo no caldo do cocido, collendo así todo o seu sabor. E soe comerse xunto o cocido.

    Nesta VIII edición fíxose unha degustación deste manxar na praza da Picota. Eso si, a degustación apenas durou media horiña pola cantidade de xente que ateigaba a praza.

    Os restaurantes da zona uníronse a festa preparando un menú con cocido xunto o bolo polo módico prezo de 10 euros. Nós disfrutamos deste menú en Casa Jurjo, onde nos trataron realmente ben.

    E que mellor para completar esta xornada en Mazaricos que admirar a grande cantidade de cabalos que se acercaron ata a Picota para unha exhibición ecuestre. Para un ex-urbanita, esta combinación de cabalos e boa comida é un auténtico luxo.

    Así conta a Festa do Bolo do Pote a prensa de hoxe.

    Março 2, 2006

    Máis luz para A Costa da Morte

    Arquivado sob: Cabreos and Apagóns and Problemas da bisbarra at 2:39 pm (3 comments)

    Apagón na Costa da Morte

    A un ensináronlle que vivimos nun mundo capitalista, no que a relación entre a demanda e a oferta é a que determina o precio e a calidade dunha mercadoría ou servizo.

    Pero hai casos nos que esa relación non funciona adecuadamente, como é o servizo de suministro eléctrico na Costa da Morte:

  • A demanda é a de unha comarca que esixe un suministro eléctrico sen cortes e sen subidas de tensión. Como no resto do estado.
  • E a oferta é só unha, a dun monopolio que fai o que lle peta cos seus sufridos clientes.
  • Os apagóns son moeda habitual nesta bisbarra. Nunha entrada de O Outeiro mostrábamos como, sen facer unha búsqueda demasiado exhaustiva, no ano 2005 había case unha ducia de novas nos medios de comunicación galegos sobre este tema. Tendo en conta que só se reflicten as incidencias importantes, o lector poderá facerse unha idea da situación que aquí se da.

    Esta situación produce tremendos problemas os habitantes da Costa da Morte e os seus electrodomésticos. Ademais, como é normal, alonxa as empresas desta bisbarra, co que o problema do paro ten máis difícil solución.

    Algún poderá pensar que este problema se debe a que hai problemas de suministro na zona, que non se xenera electricidade por aquí e traela de fóra é moi costoso, pero xustamente estamos nunha das zonas productoras de electricidade do Estado.

    Tanto os parques eólicos como as minicentrais fluviais xeneran gran cantidade de enerxía. Pero nós, que temos que aguantar que estropeen os nosos ríos e a nosa paisaxe, non obtemos ningún beneficio.

    Porque o problema está no escaso mantemento das liñas eléctricas na bisbarra. Deberíanse gastar máis cartos en pagar a xente que corte as ramas das árbores que poidan afectar os cables, ou directamente, en meter todo o cableado por debaixo da terra e así non ter que preocuparse máis destos probelmas. Pero eso require unha inversión que non vai a ter contrapartida en ingresos. Porque xa teñen copado o mercado eléctrico na Costa da Morte e os usuarios temos que pagar como se o servizo fose perfecto.

    Espero que os poderes públicos se preocupen destos temas, xa que os problemas do sector eléctrico en España non están so nas OPAS.

    Fevereiro 22, 2006

    Proxecto Mar de Lira

    Arquivado sob: Ilusión and Lira and Carnota and Pesca at 9:35 pm Comments Off

    Porto Cubelo en Lira

    Porto Cubelo, porto pesqueiro de Lira

    Para a primeira entrada con contido de esta bitácora, que mellor que falar do proxecto máis ilusionante que atopamos en toda a Costa da Morte: o proxecto Mar de Lira

    Este proxecto é unha iniciativa que nace na Confraría de pescadores de Lira co obxectivo de dinamizar o contorno social da súa comunidade pescadora e dar a coñecer a complexidade do mundo da pesca e do mar ao conxunto da sociedade. É dicir, pretenden dignificar e facer sostible a actividade pesqueira tradicional.

    Dentro do proxecto, crearon o que eles chaman turismo mariñeiro, actividade destinada a aquelas persoas que desexen vivir unha xornada de pesca con mariñeiros deste porto.

    Onte, o Presidente do Governo Galego, Emilio Pérez Touriño, estivo en Lira e apoio o proxecto de reserva marina que propón a cofradía de Lira.

    Ese plan pretende crear en Lira un área de resguardo dos recursos marinos, co obxetivo de protexer as zonas de reproducción, os caladeros de pesca e os núcleos de repoblación mediante sistemas de xestión baseados nunha explotación sostible.

    Estamos totalmente dacordo en que hai que buscar vías diferentes e imaxinativas para facer rendibles as actividades económicas que pouco a pouco están deixando de selo. E neste proxecto, o que nunca faltou foi traballo e imaxinación. Esperamos que as institucións públicas apoien e fagan que a partir de agora non falten os cartos.

    Felicidades para Lira (e Carnota, por suposto) e toda a xente que traballa neste proxecto. Sobretodo queremos facer unha mención especial a Emilio Louro, Milucho, alma-mater de este proxecto e unha das persoas máis excepcionais que un tivo a sorte de coñecer na súa vida.

    Comenzamos outra aventura

    Arquivado sob: Presentación at 6:00 pm Comments Off

    Comenzamos esta bitácora para falar sobre o noso entorno, a maravillosa Costa da Morte.

    Xa levábamos un tempo a escribir cousas sobre esta bisbarra en O Outeiro, pero cremos que hai que crear un ámbito adecuado onde falar unicamente da Costa da Morte.

    Para aqueles que queiran coñecer o que falamos da Costa da Morte ata o de agora, aquí vai unha ligazón a categoría Costa da Morte de Outeiro.